"Pura coraxe", así son as mulleres gandeiras ás que homenaxea o grupo Lence
"Pura coraxe", así son as mulleres gandeiras ás que homenaxea o grupo Lence
Unha campaña rende honras ás artífices da supervivencia do campo durante a emigración e as que o seguen mantendo en pé
Luz Divina, Encarna e Elsa son unha representación do sector lácteo formado por centos de mulleres que nel traballan día a día, un traballo que segue a ser tan invisible coma imprescindible.
"As mulleres realmente en Galicia son as que traballan na gandería e en todo, aínda que realmente despois non apareza reflectido como tal", reflexiona Luz Divina López, gandeira de Palas de Rei e un dos rostros da campaña publicitaria.
É por iso, e aproveitando que mañá é o Día Internacional do Leite, o grupo empresarial Lence quixo homenaxealas botando a andar unha campaña en que se reivindica a coraxe e o papel fundamental que xogan na supervivencia do sector.
"Darlles as grazas a estas mulleres que, como di a campaña, cando os homes tiveron o valor de irse elas tiveron o valor de quedar, quedar ao coidado dos fillos, dos pais, coidando da gandería, coidando das terras por se a aventura da emigración non saía ben e foron as que mantiveron o campo vivo e grazas a elas temos o rural vivo hoxe", apunta Carmen Lence, directora executiva do grupo Lence,
O rostro dalgunhas destas mulleres vai deixar de ser invisible, porque un dos obxectivos desta campaña é que a sociedade vexa o traballo que hai detrás dun vaso de leite. Para elas foi unha experiencia inesquecible.
"Pois si son unha representación de moitas mulleres que deben sentir o mesmo ca min agora mesmo, a fachenda se ser unha muller labrega e gustoume, a verdade, poder ser a imaxe de moitas mulleres", conta Encarna González, gandeira de Aranga que tamén participou na campaña.