Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha avaría provoca un corte de auga en Lugo que afecta o HULA e a residencia das Gándaras

Unha avaría provoca un corte de auga en Lugo que afecta o HULA e a residencia das Gándaras

O HULA funciona con normalidade porque conta con dous alxibes con reservas de auga suficiente para tres días

Afecta a zona nordeste de Lugo, concretamente o barrio das Gándaras, Cima de Vila, A Campiña, A Fervedoira e Muxa

A Brigada de Augas anuncia que se recuperará o servizo ao longo deste mércores, previsiblemente a primeira hora da tarde

G24.gal 30/04/2025 12:15

Unha avaría causada polas obras que está a levar a cabo Xestur no polígono industrial das Gándaras de Lugo provocou un corte na subministración de auga da rede municipal.

Debido a isto, o Concello informou de que cortou o servizo desde esta mañá ás zonas afectadas, que son a parte superior do barrio das Gándaras, Cima de Vila, A Campiña, A Fervedoira e Muxa, con repercusión tamén no HULA e na residencia de maiores das Gándaras.

A pesar de que o Hospital Lucus Augusti (HULA) se atopa nunha das zonas afectadas, o complexo sanitario funciona con normalidade ao contar con dous alxibes que permiten manter a subministración de auga durante tres días.

Debido á "complexidade" da avaría, a Brigada de Augas anunciou nun primeiro momento que non se podía determinar cando se restablecería o servizo, afirmando que se estaban poñendo todos os medios para que fose "canto antes".

A última hora da mañá anunciouse que se recuperará o servizo ao longo deste mércores en toda a zona. As previsións apuntan que o restablecemento podería producirse a primeira hora da tarde.

O Concello pediu desculpas á cidadanía afectada "polas molestias que lles ocasione este corte de auga, que, remarca, non se produciu pola actividade de ningún servizo municipal, e que se está tentando resolver canto antes".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade