Baiona restrinxe o uso da auga e súmase aos concellos que toman medidas preventivas
O encoro de Baíña, que é o que abastece o concello, está ao 31 % da súa capacidade
Augas de Galicia aínda non decretou a prealerta en Baiona por escaseza, pero si que establece medidas equivalentes a esa situación
Hai case unha trintena de concellos en prealerta por seca

O Concello de Baiona emitiu un bando nas últimas horas no que establece a prohibición de encher piscinas e regar hortas e xardíns, ante a situación de seca e o descenso do volume de auga do encoro de Baíña (o 31,5 %).
Nese bando, o Concello expón que as medidas se adoptan por esa situación e "mentres non cheguen as choivas de outono". Ademais das restricións en determinados usos, tamén se pediu á poboación que faga un consumo "eficiente", usando os lavalouzas e lavadoras só cando estean cheos, elixindo as duchas en lugar dos baños longos, lavándose os dentes coa auga da billa pechada etc.
De feito, aínda que Augas de Galicia non decretou a prealerta en Baiona por escaseza, si que establece medidas equivalentes a esa situación.
Case trinta concellos en prealerta
Actualmente, está decretado o nivel de prealerta en case unha trintena de municipios, dos sistemas do río Lérez (Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Sanxenxo); do río Grande (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas); e do sistema do río Anllóns (Arteixo, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica, Ponteceso e Tordoia).
Nestes casos, recoméndase á poboación que faga un uso o máis responsable posible da auga, evitando actividades como o enchido de piscinas ou a rega con auga potable. Igualmente, recoméndanse "boas prácticas" domésticas, como a ducha no canto do baño, utilizar a función 'eco' dos electrodomésticos, ou o peche de billas cando non se necesita a auga.
Oficina Técnica da Seca tamén aconsella aos concellos que estean en situación de prealerta que minimicen os consumos municipais que non sexan esenciais, como o baldeo de rúas ou a rega de parques e xardíns, entre outras medidas. A maioría de concellos levan con medidas preventivas desde o pasado mes de agosto, unhas medidas que se manteñen. Así, moderouse o consumo municipal e recoméndase á poboación que faga un uso responsable do recurso.
No caso de Vigo, que se abastece maioritariamente do encoro de Eiras (cun nivel de ocupación actual en torno ao 55 %), tamén se adoptaron medidas preventivas en agosto, aínda que non está declarada a situación de prealerta. Segundo sinalou o alcalde, Abel Caballero, nunha gravación remitida aos medios, a ocupación do encoro ao 1 de outubro do ano pasado era do 92 %, e agora é de 37 puntos menos, polo que "a seca continúa na cidade". No encoro de Zamáns, por outra banda, o volume de auga embalsada é do 55 % (o 58 % hai un ano).
"Son niveis baixos, moi baixos, para ser 1 de outubro", advertiu o rexedor, que apuntou que, fronte ás medidas adoptadas pola administración municipal, que inclúen a posta en marcha dunha nova potabilizadora, a Xunta non reduciu o caudal ecolóxico cara á presa de Eiras. Caballero aclarou que quen ten que atender "o abastecemento en alta" é a Xunta, xa que os recursos hidráulicos son a súa "competencia exclusiva", e criticou que a administración autonómica "non fixo nada".