Un mozo do Morrazo, investigado por liderar unha trama de venda ilegal de Rivotril

O fármaco era vendido como potenciador psicotrópico

Oito farmacias están sendo investigadas

O medicamento, chamado Rivotril, utilízase para calmar os efectos da ansiedade e epilepsia
G24.gal 07/12/2023 10:28

Logo dunha longa investigación comezada en 2022, un mozo do Morrazo foi detido por un presunto delito de tráfico de drogas ao falsificar receitas para adquirir 185 unidades dun fármaco chamado Rivotril, co obxectivo de vendelas posteriormente. Entre os seus demandantes púxose de moda mesturalo con outras drogas ou fármacos, xa que multiplica a sensación de desinhibición.

"Con marihuana ou alcohol potencianse mutuamente. Entón, é bastante grave porque poden provocar hipotensión, desinhibición. Hai casos nos que podes ter psicose, porque o teu cerebro está desinhibido totalmente", explica o farmacéutico Javier Carneiro.

O investigado estaba en tratamento médico no centro de Saúde de Cangas, onde lle prescribiron o medicamento, dedicado a tratar problemas de epilepsia e ansiedade. Mentres que lle estaba prescrita unha dose dun bote cada catro días, conseguiu 185 unidades en 11 meses, un cento máis do permitido.

Isto fíxoo mediante a falsificación das receitas, pois son necesarias para adquirir o fármaco. Incluso contou coa axuda de cómplices para adquirilo nos establecementos, así que están sendo investigadas por mala praxe unha farmacia de Cangas, outra de Moaña e seis de Pontevedra.

O Rivotril custa 1,65 euros, con desconto, só 17 céntimos. O detido, segundo indica a Garda Civil, vendía a 15 euros cada bote. 

O caso continúa sendo investigado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade