Denunciado tras circular en bicicleta con positivo en drogas pola AP-9
Os feitos transcenderon por mor de varias chamadas de usuarios do ramal que alertaron da presenza dun ciclista que circulaba por alí, co consecuente risco para a súa persoa debido á velocidade a que viaxan o resto de vehículos
Unha vez localizado, realizáronselle probas de alcol e drogas, con resultado positivo na preliminar de substancias estupefacientes á espera da confirmación do laboratorio de referencia

A Garda Civil denunciou un ciclista que circulaba pola AP-9, ao seu paso por Fene, que, tras ser interceptado, deu positivo nunha proba de detección de substancias estupefacientes. O instituto armado lembrou este venres que nese tipo de viais está prohibida expresamente a circulación destes vehículos polo risco que supón para a súa propia seguridade.
Os feitos transcenderon por mor de varias chamadas de usuarios do ramal, que alertaron da presenza dun ciclista circulando, co consecuente risco para a súa persoa debido á velocidade a que viaxa o resto de vehículos. A benemérita detallou que a súa Central Operativa do Subsector de Tráfico comunicou a incidencia ás súas patrullas en servizo, unha das cales, do Departamento de Tráfico de Ferrol, se desprazou ao momento.
Unha vez localizado, realizáronselle probas de alcol e drogas, con resultado positivo na preliminar de substancias estupefacientes á espera da confirmación do laboratorio de referencia. Por iso, actuouse ante supostas infraccións á lei de seguridade por circular por vía prohibida e non facer uso do casco; a estas dilixencias engadiranse, en caso de ratificarse, as pertinentes polo positivo en drogas, que supoñería denuncia por infracción moi grave e unha sanción de 1.000 euros e seis puntos do permiso de conducir.