Un veciño de Porto do Son recrea os labores agrícolas tradicionais nunha mostra ao aire libre
Recreou a malla, a esfolla do millo e a sementeira con figuras de tamaño real
Ramón Carou, alias Moncho do Xusto, comezou hai uns meses a construír as figuras coas que recrea estampas do mundo rural tradicional. Chámanse Rosa, Xosé, Manuel e Secundino, e naceron xa en agosto para facer a malla. No outono tocoulles esfollar o millo, e agora están preparando o terreo para sementar o trigo.
"Quería recordar o que vivín de rapaz", explica Moncho. "Moita xente de corenta anos ou menos xa non sabe nada disto", engade.
A nostalxia daqueles tempos foi o que animou a este veciño de Nebra a recrealos. Quere dar a coñecer esta vida, e vai cumprindo o seu obxectivo. Di que xa son moitos os visitantes que se achegan á súa casa para ver as figuras.
A expectación foi medrando, e di que xa ten a aldea pendente da súa próxima instalación. Pero Moncho quere que sexa sorpresa, así que non dá moitas pistas. "Moitos din se será unha matanza, ou as cesteiras, pero non, porque iso aínda existe, e eu vou representar algo que xa non existe".
Outra pista: na próxima montaxe xa non participarán Pinta e Morena. E recreará unha tradición rural pero non agrícola. Haberá que agardar uns meses para descubrila.