Publicador de contidos

Publicador de contidos

A produción de aguacate en Galicia esténdese a diferentes comarcas costeiras

A produción de aguacate en Galicia esténdese a diferentes comarcas costeiras

Os pioneiros foron os produtores do Baixo Miño pero comarcas como a do Salnés segue o seu camiño

O aguacate precisa de auga e que as temperaturas mínimas non baixen dos cero graos

G24.gal 03/05/2025 14:30

A comarca do Salnés aposta nos últimos anos polo cultivo do aguacate, vista a boa adaptación que ten aos terreos e ao clima local. A zona de maior produción de Galicia é o Baixo Miño pero estase a estender a outras comarcas costeiras, dada a alta demanda e o valor do produto galego.

Aínda que os principais produtores de aguacate seguen estando do outro lado do Atlántico, con México, Colombia ou Perú á cabeza, España produciu en 2023 máis de 120.000 toneladas, a maioría en Andalucía. 
A alta demanda que ten esta froita fai que a superficie de cultivo aumente cada ano e que distintas cooperativas hortofrutícolas aposten tamén en Galicia por buscar unha rendibilidade económica. É o caso de Horsal, no Salnés.

"As condicións climáticas aquí son óptimas porque non hai grandes xeadas, nunca baixa de 0 graos. E aínda que se di que o aguacate precisa moita auga, iso non é un problema aquí, que a temos", di Alberto Amil, da cooperativa Horsal, en Cambados.

Polo de agora non hai ningún produtor que viva só do aguacate pero si de combinalo con outros cultivos ou traballos,

"Teño 140 plantas e levan catro anos plantadas. Tiven unha primeira produción hai dous anos, moi pequena e este ano vese que a floración está bastante ben. As plantas creceron o dobre do que estaban o ano pasado e as perspectivas son boas. Na cooperativa ves o prezo que ten o aguacate, que compensa e que pode ser viable", asegura Óscar Otero, socio da cooperativa.

A partir de decembro será o tempo de recollelos. Mentres seguen estudando as mellores condicións de cultivo e analizando as diferentes variedades para ver os resultados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade