Un veciño de Pontevedra queda na rúa despois da execución dunha derruba
Unha veciña denunciou a ilegalidade da vivenda que levaba feita dende hai trinta anos no lugar de Leborei
Manuel Gallego, aos seus 67 anos di que quedou co posto. Todo o que tiña está debaixo dos cascallos. Os cuartos cos mobles, coa roupa, todo quedou aí dentro. Di que estivo á espera do aviso do seu avogado, que nunca chegou, por iso cando viñeron botar a casa abaixo non tivo tempo nin de coller o máis imprescindible.
"Estou na rúa totalmente tirado. Non teño mobles, non teño roupa, non teño nada, está todo aquí precintado e non me deixan entrar. Eu teño nun rocho unhas cabras e durmo aí con elas".
Manuel di que era consciente de ter un problema no xulgado coa legalidade da súa vivenda, pero asegura que das notificacións encargábase o seu avogado e non lle comunicou nada. Di que perdeu uns 30.000 euros nesta casa, que tiña as paredes de granito. Informárono de que tiña que desaloxar todo o que tivese no interior, pero Manuel dixo que non tiña onde gardalo.
"Apareceron aquí máis de vinte persoas. Casi todas da Policía Nacional. Detivéronme, por non querer saír da propiedade. Atopeime tirado no chan, sangrando por un brazo, leváronme á comisaría e estiven detido ata as cinco da tarde".
Coa derruba da vivenda, quedou sen un lugar axeitado para gardar a maquinaria agrícola que emprega para labrar. Agora está nunha leira tapada con plásticos. Manuel nunca imaxinou que todo o que conseguiu despois de traballar na emigración durante boa parte da súa vida ía quedar soterrado baixo cemento e ferralla.