Un traxe de cigarrón sobe dos 1.500 euros
O concello de Verín organiza un obradoiro para confeccionar a roupa
Sae máis económico e ten o valor engadido de facelo un mesmo
Como queira que sexa o Entroido deste ano, hai que estar preparados. En Verín ultiman os traxes do cigarrón no obradoiro municipal, un xeito de abaratar custos porque estes traxes non son nada baratos.
"Só a chaqueta e o pantalón de adultos roldan os 900 euros nas tendas", sinala Geni Sabariz, a profesora do obradoiro.
Para participar no taller cómpre saber coser e traballar co gancho porque todo se fai a man. Ademais, hai que facelo con tento, para non estragar os adornos que son o máis caro.
"Hai que medir todo ao centímetro para non facer un centímetro de máis. Nesta chaqueta, o galón custa uns 140 euros, sen contar o floco. Co floco, uns 200 euros de adornos só na chaqueta", comenta unha das participantes no obradoiro.
Desde novembro
Bromas aparte, todos os beneficiarios deste traballo han de estar ben agradecidos porque son horas e horas as que lle levan dedicado.
"Levamos desde novembro. Houbo que facer os pompóns, as puntillas, agora coser as tiras todas, facer a chaqueta, o pantalón... Teño outro fillo e teño que facer outro traxe, pero tocaralle para o ano que vén porque este ano é moito traballo!"
Con moito humor van avanzando o traballo para poderen estrear, se a pandemia o permite, en catro semanas escasas, o tradicional domingo Corredoiro.