As alboradas animan as festas das aldeas desde primeiras horas da mañá
En pleno mes de xullo, as festas e romarías invaden cada recuncho de Galicia
En moitas aldeas, conservan a tradición das alboradas
Bandas de música percorren as barriadas para lle dar os bos días á veciñanza
É unha tradición que se foi perdendo en moitos sitios pero aínda se conserva en moitos outros. En Ganade, concello de Xinzo de Limia, unha banda de gaitas percorre as distintas barriadas da aldea desde primeira hora da mañá, todo un reto tendo en conta que veñen dunha verbena que se prolongou ata a madrugada.
O son das gaitas e dos tambores anúncialles aos veciños que arrinca unha nova xornada de festa.
"Eu son de Andalucía, nada que ver con isto, pero isto é moi bonito".
"Moi bonito, pásase moi ben".
"Da mañá á noite, hoxe aquí non se pode parar", comentan varios veciños.
Ao longo da mañá, a alborada reparte música entre a veciñanza. Polos camiños que conectan as distintas barriadas, avanzan os músicos, guiados pola comisión de festas. As veciñas, expectantes, saen a recibilos e ata se animan a botar un baile.
Algunhas casas están baleiras o resto do ano. As festas, e o verán, son un reclamo para retornar á aldea e reencontrarse cos amigos da infancia.
"Atopas xente que levas tempo sen ver e iso dáche gusto. Xente que está fóra, que levas moito tempo sen estar con eles", comenta un veciño que habitualmente reside fóra.
Pero as antigas tradicións ábrense tamén á modernidade. O vello palco da festa, en desuso desde que as orquestras traen os seus propios escenarios, transfórmase nun mural.
"En agradecemento ao noso recibimento aquí en Galicia. Quería representar a música tradicional da aldea", explica o grafiteiro, José Manuel, coñecido artisticamente como Mur99.
E así, entre música e boa compaña, as tradicións máis entrañables van pasando de xeración en xeración.