A tradicional rapa das bestas de Sabucedo estréase como ben de interese cultural
Esta parroquia estradense de apenas 60 habitantes acolle estes días máis de 20.000 persoas
É unha das festas máis antigas de Galicia, con máis de tres séculos de historia
A parroquia estradense de Sabucedo acolleu este domingo a penúltima xornada da súa tradicional rapa das bestas. Con centenares de espectadores no curro, os aloitadores non defraudaron e volveron cumprir coa súa misión de rapar os cabalos salvaxes.
"É un espectáculo que me gusta, o mantemento que lle fan, teño un sobriño aí metido e hai que valer para iso e aprender".
"Impresionante. Hai que vir e velo, non se pode explicar con palabras".
"É a primeira vez que vimos e estamos pasándoo moi ben".
"Estupendo para o que lle guste. A min danme pena os animais entón prefiro non velos".
As primeiras novas sobre a baixada dos cabalos do monte para rapalos e marcalos datan do século dezaoito pero non se descarta que a tradición sexa moito máis antiga.
"Tanto tempo que levas vindo á rapa, indo axudar, poder aloitar as bestas é unha experiencia moi boa", asegura María Vega, unha das aloitadoras.
Este luns celébrase o terceiro e último curro. A festa está declarada de interese turístico internacional e este ano estréase como ben de interese cultural na categoría de patrimonio inmaterial.
"Calquera que a vivira sabe o impactante e extraordinaria que é esta tradición, que merecía esta máxima protección polo seu valor cultural singular", aseverou este sábado o titular de Cultura do Goberno galego, José López Campos.
Con esta aprobación, xa son 789 os bens de interese cultural existentes en Galicia, dos cales 116 foron declarados a partir da entrada en vigor da lei de patrimonio cultural de 2016.
