Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sete mortos tras dous terremotos de 7,4 e 6,7 graos na illa filipina de Mindanao

Sete mortos tras dous terremotos de 7,4 e 6,7 graos na illa filipina de Mindanao

Os sismos activaron alertas de tsunami e provocaron danos en edificios, cortes de luz e evacuacións

O Goberno filipino mobiliza axuda para as zonas máis afectadas mentres continúa a actividade sísmica

(Francis Magbanua/via Reuters) (Francis Magbanua/via Reuters)
G24.gal 10/10/2025 09:49 Última actualización 10/10/2025 18:46

Polo menos sete persoas morreron este venres despois de dous terremotos, un de magnitude 7,4 e outro de 6,7 unhas dez horas máis tarde, que sacudiron a illa de Mindanao, no sur de Filipinas, e activaron as alertas de tsunami.

Segundo a Oficina de Defensa Civil da rexión de Davao, tres das vítimas faleceron a causa dun desprendemento de terras que tamén deixou dez feridos. Os sismos producíronse na zona leste da illa, habitada por uns 26 millóns de persoas.

Dous fortes sismos no mesmo punto

O primeiro terremoto, de magnitude 7,4, rexistrouse arredor das 09:40 hora local (01:40 GMT) a 58 quilómetros de profundidade, con epicentro a 20 quilómetros ao leste da localidade de Santiago.

O segundo, de magnitude 6,7, ocorreu ás 19:12 (11:12 GMT), a 62 quilómetros de profundidade e a uns 24 quilómetros da mesma zona, segundo o Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos.

As autoridades filipinas activaron dúas veces a alerta de tsunami, logo retirada, ao detectar ondas de ata 19 centímetros sobre o nivel da marea, moi por baixo dos tres metros inicialmente previstos.

No segundo aviso advertíase da posibilidade de ondas superiores a un metro nas provincias de Surigao do Sur, Davao Oriental e Surigao do Norte, polo que se recomendaron evacuacións preventivas.

Un terremoto dobre con centos de réplicas

O Instituto de Vulcanoloxía e Sismoloxía de Filipinas (Phivolcs) rexistrou ata esta noite arredor de 480 réplicas e explicou que os sismos, de magnitudes próximas e na mesma área, poderían considerarse un “terremoto dobre”.

Os temblores causaron danos en edificios, cortes de electricidade e a suspensión de clases e traballos nas oficinas públicas, salvo nos servizos de emerxencia. Tamén se ordenou o peche temporal de minas nas zonas máis afectadas.

O presidente filipino, Ferdinand Marcos Jr., confirmou danos en infraestruturas e edificios en cidades como Butuan, a uns 50 quilómetros de Santiago, e sinalou que as autoridades traballan para avaliar o alcance total das perdas. “Traballamos contrarreloxo para garantir que a axuda chegue a todos os que a necesitan”, afirmou.

A Oficina de Defensa Civil indicou que ten preparados uns 100.000 paquetes de comida para repartir entre as familias damnificadas.

Os terremotos chegan dez días despois doutro sismo de magnitude 6,9 na illa de Cebú, que deixou 74 mortos e milleiros de afectados.

Segundo o director de Phivolcs, Teresito Bacolcol, aquel foi “aínda máis destrutivo” porque o epicentro estaba preto de zonas máis poboadas e a pouca profundidade.

Filipinas atópase sobre o chamado Anel de Lume do Pacífico, unha área de intensa actividade sísmica e volcánica onde se rexistran arredor de 7.000 terremotos ao ano, a maioría de intensidade moderada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade