Publicador de contidos

Publicador de contidos

Terremoto leve de magnitude 3.3 con epicentro na zona de Silleda

Terremoto leve de magnitude 3.3 con epicentro na zona de Silleda

O pequeno sismo produciuse ás 09:29 horas deste sábado a uns 36 quilómetros ao sueste de Santiago de Compostela

O terremoto tivo o epicentro entre Silleda e Lalín, pero notouse tamén máis ao norte, en localidades como Vila de Cruces

G24.gal 08/11/2025 10:52

O Instituto Xeográfico Nacional rexistrou un sismo, de magnitude 3,3, no límite entre os concellos pontevedreses de Silleda e Lalín, a 5 quilómetro de profundidade. E é nesa zona, a un lado e outro do río Deza, nas parroquias de Prado e de Siador, onde atopamos algunhas das persoas que sentiron este tremor de terra.

"Estaba fregando a prancha da cociña e de repente sentín estalar como se fosen cristais. Un ruído, pero a casa non tremeu, non foi como de outras veces, nin as portas, nin os cristais, nin nada, pero foi como se romperan cristais. Quedei coma un ovo choco".

"Notei un ruído moi forte e crin que era un trono, pero tremeu toda a casa e as ventás tamén. Por iso, pareceume raro que fose un trono porque despois non sentín nada máis".

"Vivo en Silleda, nun quinto piso e non sentín nada de nada. E estaba esperta".

Foi contra as nove e media da mañá e din que durou uns poucos segundos. Na base dos bombeiros en Silleda tampouco sentiron o sismo nin teñen constancia de que causase danos.

"Da outra vez, hai máis de vinte anos, houbo un moi forte, tremeu toda a casa e desa vez si que tiven medo, pero hoxe non".

Veciños de Vila de Cruces, Vedra e A Estrada tamén informaron de que notaran o tremor.

 

O tremor chegou a notarse en Vila de Cruces. Imaxe: www.volcanodiscovery.com O tremor chegou a notarse en Vila de Cruces. Imaxe: www.volcanodiscovery.com

O sismo tivo unha profundidade superficial, produciuse a uns 5 quilómetros, e os efectos son só da sensación dun pequeno tremor que mesmo non o senten todas as persoas. Porén, foron varios os veciños que chamaron á Televisión de Galicia para comentar que o sentiran. Entre eles, os veciños de Vila de Cruces, que está moito máis ao norte.

A cidade máis grande próxima ao epicentro é Santiago de Compostela, pero de momento ninguén informou de que sentira o tremor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade