Publicador de contidos

Publicador de contidos

Camaróns e santiaguiños, a 200 euros o quilo na última poxa antes da Noiteboa en Burela

Camaróns e santiaguiños, a 200 euros o quilo na última poxa antes da Noiteboa en Burela

Escasa oferta de peixe e marisco, debido ao mal tempo, na última poxa antes do Nadal 

Un lote de camaróns na lonxa burelá
Félix Aragunde. Imaxe: Jorge Pereira. 23/12/2025 20:27 Última actualización 23/12/2025 20:53

A última poxa na lonxa de Burela antes do Nadal comezou coa venda do marisco capturado pola frota de baixura, que foi escaso debido ao mal tempo. De feito, os poucos camaróns que se ofreceron superaron os 200 euros o quilo. Pola súa parte, os santiaguiños acadaron os 195.

"Pillamos un pouco de lumbrigante, a 63 e pico, e pillamos algún santiaguiño a 180 e pico. E despois pasou un pouco de camarón, que non nos tocou a nosoutros, a 200 e algo", indica o comprador David Rivas. 

"Collín un lotiño de nécora pequena, para ter para algún compromiso, e un lotiño de santiaguiño pequeno, porque foi ben de prezo dado que era o que quedaba de menor tamaño, simplemente para poder salvar algún compromiso que tes nestas datas. Tal como estaban os prezos e pouo produto que hai, non se pode facer moito máis", engade o tamén comprador Iván García. 

Aínda que tampouco había moita cantidade de peixe, si había máis variedade. A última hora puxéronse á venda robalos de máis de 5 quilos, que na anterior poxa chegaron a superar os 200 euros a peza.

"Acadaron os 45 euros de prezo máximo, as pezas de tres, catro quilos e algunha incluso máis grande. E as pezas de quilo ou quilo e medio andaban polos 40 euros", sinala Javier López García, ruleiro da lonxa de Burela. 

A que será a última poxa do ano na lonxa burelá está prevista para o luns vindeiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar