Seis municipios galegos presentan "vulnerabilidade alta" en caso de terremoto
Son os concellos de Negueira de Muñiz, Ourol, Muras, Ribeira de Piquín, Chandrexa de Queixa e Parada de Sil
A Xunta recomenda a estes municipios que elaboren plans de protección específicos en caso de movemento sísmico
O resto de Galicia presenta un risco "moderado", como recolle o Sismigal, a actualización do Plan especial de Protección Civil ante o risco de terremotos en Galicia
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a actualización do Sismigal, o Plan especial de Protección Civil ante o risco de terremotos en Galicia, que está dispoñible na web da Consellería de Presidencia, así como na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, e nas dependencias dos servizos de emerxencias dos departamentos territoriais.
O documento considera que Galicia áchase nunha zona de risco sísmico moderado na Península Ibérica. Dos 313 concellos galegos, 249 presentan unha "vulnerabilidade media"; 60 vulnerabilidade é "baixa" e só seis están considerados de "vulnerabilidade alta".
Trátase dos concellos lugueses de Negueira de Muñiz, Ourol, Muras e Ribeira de Piquín, situados na provincia de Lugo; e os concellos ourensáns de Chandrexa de Queixa e Parada de Sil. A eles a Xunta recoméndalles, aínda que non obriga, "preparar o seu propio plan municipal de acción".
Segundo o Sismigal, o nivel de intensidade máxima que presenta Galicia é de escala 6-7 sobre 12. Isto significa que, no caso de terremoto, os danos en inmobles serían de lixeiro a moderado. 190 concellos poderían atoparse nesta situación: 61 da provincia de Pontevedra, uns 60 de Ourense, 36 de Lugo e 31 da Coruña.
Con todo, os perigos poden verse agravados pola calidade dos edificios nas áreas de maior risco ou nun territorio rural cun inventario envellecido de inmobles.
O terremoto de Triacastela do 97, o máis potente da historia de Galicia
O estudo incorpora un anexo cos datos máis significativos dos sismos con epicentro en Galicia e a contorna rexistrados nos últimos 500 anos. Figura entre eles o do 22 e maio do 1997 que tivo o seu epicentro en Triacastela (Lugo) e que se deixou sentir en practicamente todo o país. Cunha magnitude de 5,1 graos na escala de Richter, considérase o maior da historia da comunidade.
Aínda que non provocou importantes danos materiais, está documentado pola prensa que o tremor deixou unha vítima mortal, xa que un veciño de Sarria (Lugo) de 40 anos sufriu sobre as 6:30 horas da madrugada un infarto de miocardio, cando se atopaba nun descampado ao que acudira acompañado doutros veciños fuxindo dos movementos de terra, segundo informou a Policía Local.
A hemeroteca tamén lembra case 30 anos despois que ese terremoto de 1997 foi percibido polo rei Filipe VI, entón príncipe de Asturias, mentres durmía nun hotel de León, e que provocou que se movese o crucifixo da parede baixo o cal durmía o por entón presidente da Xunta, o falecido Manuel Fraga.
Aquel día Fraga prometeu que o seu Goberno ía preparar "un documentiño claro e preciso" coas instrucións aos cidadáns "máis prudentes" para "evitar nerviosismo en casos como os que se puidesen repetir".
Houbo desde entón varios documentos con recomendacións á poboación para actuar no caso de terremoto. O primeiro Sismigal aprobouse en 2009. Agora, 16 anos despois chega a actualización daquel documentiño que Fraga prometeu aquela primavera en que un movemento de terra sacou da cama media Galicia.