O temor a un supertifón nas Filipinas obriga a evacuar un millón de persoas
A alerta é máxima no arquipélago porque outro tifón deixou máis de 220 mortos hai unha semana
En Brasil un tornado deixou ao seu paso seis mortos, 750 feridos e centos de casas arrasadas
As Filipinas evacuaron xa algo máis dun millón de persoas nas tensas horas de espera polo supertifón Fun-wong. Os expertos insisten no seu potencial catastrófico, con ventos de máis de 185 quilómetros por hora. Será a maior treboada do ano nun país acostumado a fenómenos meteorolóxicos extremos.
Para unha evacuada é un alivio grande estar nun refuxio, porque a súa casa adoita inundarse cos temporais.
Outro dos desprazados di que os ventos poderían arrincarlle o teito no peor de noite e que no albergue está seguro.
Efectivamente, espérase que o supertifón toque terra a última hora deste domingo ou a primeira do luns. De feito, unha das illas do arquipélago filipino xa está a padecer os seus efectos.
O temor é máximo, porque outro tifón, o Kalmaegi, causou polo menos 224 mortes e danos enormes hai menos dunha semana.
Mentres, no Brasil, o cumio do clima vén precedido polo paso, ata este sábado, dun forte tornado. Tivo o seu epicentro en Río Bonito de Iguazú, preto das famosas cataratas, no sur do país. Din que na zona non se vira algo así en corenta anos. Resultado: seis mortos e 750 feridos, nove en estado grave.
"Algúns pacientes aínda están na UCI e estamos actualizando o cadro clínico de todos eles", sinala unha médica do hospital no que se atenden os feridos más graves.
As autoridades estiman que na cidade de Río Bonito de Iguazu o 90% das vivendas quedaron afectadas.