Un poste de luz reconvertido en rotonda convértese nun perigo para os peóns
Os veciños esixen a súa retirada, xa que os coches invaden a zona peonil
Os veciños de Santa Marta en Cangas reclaman a retirada dun poste da luz que aseguran ameaza a súa seguridade e dificulta a circulación. Aseguran que pode causar accidentes e xa van varios sustos.
Cando os veciños retranquearon terreos para construír unha senda peonil o poste quedou no mesmo lugar, converténdose nun perigo para a circulación e para os peóns. Ao non mover o poste, os coches e bicicletas pasan por detrás deste, invadindo a senda peonil.
A situación complícase aínda máis ao paso de camións e autobuses. Co problema engadido do estado dos sumidoiros, os seus amplos ocos, xa provocaron que algúns nenos quedaran enganchados coa bicicleta ou cos propios pés.
Os veciños agardan que o Concello e a compañía eléctrica tomen medidas para retirar este poste.