Un peixe espada de grandes dimensións, protagonista da xornada en Conxemar
Logo de despezalo, cociñáronse varios pratos para os asistentes
En Conxemar, a feira dos produtos do mar que se está celebrando en Vigo, o protagonista foi este mércores un peixe espada de gran tamaño.
Había moita expectación por ver como o despezaban. Dous expertos levaron a cabo a laboriosa tarefa. Co peixe espada fixeron varios pratos que puideron degustar os asistentes.
O espazo culinario da feira acolleu o showcooking 'Taste Korea: Gimbap ao vivo', no que cociñeiros surcoreanos presentaron distintas elaboracións deste prato emblemático do país asiático cuxo nome procede das palabras gim (alga seca) e bap (arroz cocido).
A xornada intermedia de Conxemar, que conclúe este xoves, analizou as novas tendencias de consumo e os factores que determinan a decisión de compra no mercado de produtos conxelados e abordou alternativas saudables e sostibles na cociña moderna.
Un total de 812 expositores copan o espazo dispoñible no recinto feiral de Vigo (Ifevi). Son 42 máis que na anterior edición e proceden de 46 países.