Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un operativo contra roubos en igrexas, bares e pisos do sur coruñés deixa catro detidos

Un operativo contra roubos en igrexas, bares e pisos do sur coruñés deixa catro detidos

A Garda Civil atribúe a este grupo unha vaga de roubos que este verán se viviu nas vilas de Boiro, Padrón e Rianxo e nas súas contornas

G24.gal 19/09/2023 09:47 Última actualización 19/09/2023 10:56

A Garda Civil detivo catro persoas como supostos autores de roubos en igrexas, locais de hostalería e vivendas das localidades coruñesas de Boiro, Padrón e Rianxo durante este verán. Os obxectos subtraídos alcanzaban un valor total de máis de 143.000 euros.

Segundo informou este martes a Garda Civil, realizáronse catro detencións dentro da operación Aurum Domus, que se iniciou por mor de asaltos denunciados nesas tres vilas entre xullo e setembro de 2023.

O modus operandi do suposto grupo criminal era vixiar as vivendas en que planeaban realizar os roubos e accedían cando non había ninguén para subtraer xoias e diñeiro en efectivo, aínda que tamén levaron maquinaria e ferramentas eléctricas.

Os supostos ladróns facían practicamente o mesmo nas igrexas, ás que accedían cando non había ninguén para levar obxectos antigos de ouro e prata, como a coroa da Virxe das Neves de Maceda, peza única que data do século XII.

Durante a investigación, a Garda Civil logrou identificar catro persoas, que foron detidas como supostos membros dun grupo criminal, e impútanselles a tres delas oito delitos de roubo con forza en vivenda, cinco delitos de roubo en interior de igrexas -tres en grao de tentativa- e un delito de roubo con forza en embarcación. Amais, ao cuarto arrestado, veciño de Vilagarcía de Arousa, acúsano dun delito de receptación.

Un dos lugares que concentraba as actividades deste grupo estaría nun negocio de Boiro de compra e venda de ouro, onde se sospeita que se comerciaba cos obxectos roubados. O seu propietario é un dos catro detidos.

Deses catro arrestados, un deles ingresou en prisión por orde xudicial, tras tomarlles declaración nos Xulgados de Ribeira. Fontes da investigación aseguran que non descartan máis detencións porque a operación continúa aberta. 

Así mesmo, parte dos obxectos recuperados foron reintegrados aos seus propietarios e o resto están baixo custodia da Garda Civil de Boiro, polo que, se algún cidadán recoñece algún da súa propiedade, pode acudir ao Posto Principal para reclamalo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade