Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un nutricionista supervisará o 'catering' dos comedores escolares

Un nutricionista supervisará o 'catering' dos comedores escolares

A Xunta vai aumentar en sete millóns, ata os 25,6, a contía que destina ás empresas de catering para os colexios

G24.gal 20/04/2023 19:41 Última actualización 20/04/2023 20:20

O presidente da Xunta Alfonso Rueda anunciou este xoves que o Goberno galego vai aumentar a contía que reciben as empresas adxudicatarias dos comedores escolares que xestiona a Xunta indirectamente, que suman 144.

A cambio, as empresas deberán cumprir unha serie de requisitos, entre eles, que os menús estean supervisados por un nutricionista.

A Xunta vai aumentar en sete millóns, ata os 25,6, a contía que destina ás empresas de catering para comedores escolares.

O obxectivo é mellorar a calidade do servizo e axudar ás empresas a facérenlle fronte ao aumento do prezo dos alimentos. Pagaranlles un euro máis por menú, que a cambio deberá estar supervisado por un nutricionista. Ademais, puntuarase máis as empresas que compren os produtos a provedores próximos aos colexios.

O novo contrato non repercutirá nas familias. Co aumento do orzamento, a Xunta calcula que poderán atender 1.400 alumnos máis nos comedores de xestión indirecta, ata chegar aos 13.000.

Lei de artesanía

Alfonso Rueda tamén informou de que empeza a tramitación da nova lei de artesanía para modernizar o sector e aumentar a súa profesionalidade. Crearanse zonas de especial interese artesanal, como Camariñas polo encaixe, ou Buño pola cerámica.

Incluirá tamén a figura de mestre ou mestra artesá para recoñecer a traxectoria dos que levan máis de 20 anos no oficio. O obxectivo da nova lei é aumentar de 800 a 1.200 os obradoiros en sete anos e asegurar a remuda xeracional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade