Un mural de sona planetaria para Os Biosbardos
A muralista chegou á final do certame de agosto da plataforma Street Art Cities coa obra que fixo para o refuxio de Ponteareas
Chegou a estar no segundo posto, e este mércores anúncianse os gañadores
Este mércores coñeceremos cal é o mellor mural do mundo do mes de agosto. E unha galega, Eva Casais, estaba hai uns días no segundo posto. É voluntaria da protectora de animais Os Biosbardos e encheu de cor o seu refuxio en Ponteareas. Aínda poden votar polo seu traballo.
"Eu o que quero transmitir é que os animais senten e padecen coma as persoas, non están tan alongados de nós e por iso os visto como persoas, para representar que eses sentimentos que os animais poden ter son coma os nosos", di Eva Casais, que colabora dende hai anos coa protectora Os Biosbardos da mellor maneira que pode: coa súa arte.
A súa obra foi elixida como finalista pola plataforma Street Art Cities, que documenta e pon en valor a arte urbana que se fai en todo o planeta.
"Vin pintar de balde, como xa fixen anos anteriores, e pensei: por que non a presento xa que está feita a Street Art Cities... Presenteina , está seleccionada coma unha das mellores do mundo e, sorprendentemente, a última nova que tiven era que estaba de numero dous", comenta a muralista.
Amais do orgullo por estar seleccionada, Eva Casais salienta o impulso que isto supón para Os Biosbardos, unha asociación que este ano foi declarada Entidade de Interese Público:
"Necesitamos voluntarios para que veñan ao refuxio a limpar, pasear aos cans, precisamos casas de acollida, por vinte euros ao ano podes facer unha doazón, ou doazóns puntuais, ou teaming por un euro ao mes, que non é nada para un peto, é un cafeíño, pois un cafeíño menos que tomas...".