Publicador de contidos

Publicador de contidos

O barrio ferrolán de Canido volve ser lenzo de muralistas e grafiteiros

O barrio ferrolán de Canido volve ser lenzo de muralistas e grafiteiros

O festival de arte urbana Meninas de Canido celebra a súa XVII edición

G24.gal 06/09/2025 17:06 Última actualización 06/09/2025 17:26

O barrio ferrolán de Canido convértese un ano máis en lenzo de muralistas e grafiteiros. Desta volta viñeron ao festival Meninas de Canido unha trintena de artistas, algúns asiduos ao encontro, como o madrileño El Rojo.

"Non sei se son oito ou nove as veces que levo vindo. Sempre é xuntarse con amigos e estar nunha contorna en que xa es coñecido polos veciños. É moi agradable", afirma El Rojo.

Gonzalo Alonso Dapresa é outro habitual. De feito, nesta ocasión actualiza unha obra que creara hai seis anos.

"É moi especial e moi entrañable e acabas vindo ano tras ano. Dáche igual se a parede é grande ou pequena. O caso é estar aquí", subliña Gonzalo.

Tamén damos con creadores que acoden por vez primeira. É o caso da muralista Vivi Araya, unha canaria asentada en Galicia que dá forma ao fondo do cadro das Meninas.

"Os personaxes xa saíron do cadro. Están por todo o barrio e agora o fondo está só e é unha especial de photocall", explica a muralista.

Nesta ocasión hai unha participación importante de escritores de graffiti. Maese e Stimie son exemplo desta modalidade.

"É un graffiti máis puro, por dicilo de algunha forma, máis de letras", describe Stimie.

"Respecta unha serie de códigos históricos dentro do graffiti. Ao final é ocuparte de que as túas letras teñan estilo", engade Maese.

Os participantes destacan a convivencia entre artistas e cos veciños do barrio.

"Canido é un barrio acolledor. Déixanche pintar o que queres. Todos veñen e dinche cousas bonitas. É xenial", asegura a muralista Ana Corazón.

"Faise moita comunidade entre artistas de diferentes sitios. É unha oportunidade", apunta a escritora de graffiti Slowfire.

"Sénteste parte dunha familia. Edu Hermida organiza todo para que pasemos tempo xuntos. Comemos xuntos, ceamos xuntos", precisa o muralista Javier Vivar, un dos integrantes de Hermonos.

"Este ano, que veñen eminencias do que foi o graffiti en anos anteriores, é un pracer e unha honra poder compartir o espazo con xente cunha traxectoria tan grande", puntualiza Alejandro Vivar, o outro membro de Hermonos.

O festival naceu para facer revivir un barrio ameazado polo abandono e ese segue sendo o seu obxectivo principal.

"Converter isto nunha pinacoteca ao aire libre perfectamente embelecida e vivible, e morfoloxicamente un elemento urbano do mellor", resalta o director do festival, Eduardo Hermida.

Actualmente, Canido ten máis de 500 obras dedicadas ás meninas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade