Un matrimonio de 70 anos morre en Portugal intentando fuxir das lapas
Portugal mantén a alerta a pesar de saír do estado de emerxencia. Hai dez incendios activos en todo o país, seis deles preocupantes: Paredes, Oliveira de Azeméis, Vila Pouca de Aguiar, Guarda, Chaves e Murça.
Precisamente neste último, as lapas avanzaron de xeito perigoso e houbo que evacuar a aldea de Mascanhos. Foi aquí en Murça onde un matrimonio de 70 anos morreu ao tentar fuxir do lume por estrada, envorcando o seu vehículo por un barranco.
No distrito de Vila Real, tres incendios xeran certa alarma. O de Bustelo, no concello de Chaves, reactivouse de xeito moi violento cruzando a fronteira ata Galicia.
Máis da metade dos efectivos que loitan contra o lume en todo o país traballa nesta área do norte de Portugal.
Este martes o Goberno avaliará se mantén a situación de alerta ou abre unha nova situación de continxencia. Os incendios forestais dos últimos dez días deixan tres mortos, un cento de feridos e máis de 900 veciños evacuados.