Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un incendio nun garaxe obriga a desaloxar tres edificios en Tui

Un incendio nun garaxe obriga a desaloxar tres edificios en Tui

Aos bombeiros do Porriño e Ponteareas sumáronse os de Valença, que evacuaron unha muller de 90 anos cun camión guindastre e trasladárona ao hospital intoxicada polo fume

Ao parecer as lapas comezaron nun dos vehículos aparcados no garaxe

G24.gal 09/01/2025 21:50 Última actualización 10/01/2025 14:23

Un incendio que se iniciou no interior dun garaxe en Tui este xoves pola tarde xerou alarma entre os veciños polo fume e obrigou a desaloxar tres edificios, aínda que concluíu sen persoas feridas.

Tamén mobilizou unha importante despregadura de medios, incluídos bombeiros lusos, e obrigou a cortar varias rúas para que puidesen traballar os servizos de emerxencias. 

Varias horas despois do aviso bombeiros do Porriño, Ponteareas e do Morrazo e efectivos de emerxencias portugueses continuaban traballando xunto á Garda Civil, a Policía Local e membros de Protección Civil para controlar as lapas.

O 112 Galicia recibiu as primeiras chamadas de alerta ao redor das 17:50 horas. Varios particulares informaron da presenza de fume que saía do garaxe. Cando os equipos chegaron ao lugar, indicaron que se trataba dunha zona de difícil acceso, o cal complicou as tarefas de extinción desde o inicio.

O lume comezou nunha praza de garaxe que estaba pechada, o que dificultou os labores de acceso dos bombeiros. Amais había moito material inflamable que fixo que as lapas se reavivasen en varias ocasións, cun fume moi tóxico e perigoso.

"Eu tiven sorte, porque había veciños que tiñan as ventás un pouco abertas e enchéronse de fume. Como nós as tiñamos pechadas, o cheiro a fume non era moito e dixéronos que, baixo a nosa responsabilidade, que nos podiamos quedar, e quedamos", comenta Rocío Gómez, veciña dun inmoble afectado.

Bruno foi das primeiras persoas en dar a voz de alarma: "Saín da casa arredor das seis menos dez e vin que saía fume, e xa avisamos os servizos de emerxencia e avisamos o dono do garaxe... Avisamos os veciños e conseguimos sacar seis ou sete coches que estaban por aquí cerca; e tentaron avisar o dono do garaxe que está pechado deste lado".

O alcalde da localidade, Enrique Cabaleiro, confirmou que foi preciso proceder ao desaloxo de varios dos edificios que comparten portais como medida preventiva. Así mesmo, foi evacuada e atendida polos sanitarios desprazados ata o lugar unha muller de idade avanzada e con problemas de mobilidade, aínda que en principio está ben.

O rexedor explicou que, unha vez que os medios de emerxencias finalicen o seu labor de extinción, procederase a realizar as medicións correspondentes para poder determinar se é seguro que os veciños volvan ás súas vivendas ou é necesario "reacollelos en hoteis".

O 112 informou de que os equipos de emerxencias trasladaron que no interior do garaxe se atopan varios vehículos e outros obxectos de uso doméstico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade