Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desaloxan tres edificios polo incendio nun garaxe de Cangas

Desaloxan tres edificios polo incendio nun garaxe de Cangas

Corenta persoas tiveron que ser evacuadas de madrugada por mor do fume

G24.gal 02/03/2023 09:55 Última actualización 02/03/2023 14:46

Os Bombeiros do Morrazo tiveron que sufocar esta madrugada un incendio nun garaxe en Cangas, onde arderon catro coches e dúas motos. O lume iniciouse sobre as 4 da mañá no garaxe dun bloque de tres edificios situado na rúa Longán. As explosións espertaron os veciños que tiveron que ser desaloxados. 

Foi un veciño o que alertou as forzas de seguridade. Ata o lugar do suceso trasladáronse a Garda Civil, a Policía Local e os Bombeiros do Morrazo, que tardaron máis de tres horas en sufocar as lapas. O fume estendeuse rapidamente polo bloque e houbo que desaloxar os edificios por completo.

O fume negro que saía dos garaxes chegou ás vivendas. En total, unhas 40 persoas tiveron que saír á rúa. Como consecuencia do incendio, arderon catro coches e dúas motos. Afortunadamente non se rexistraron danos persoas. Por outra banda o lume derreteu algunhas tubaxes dos inmobles, o cal provocou o alagamento de varias vivendas.

Os veciños tiveron que estar ata pasadas as setes da mañá na rúa. Algúns refuxiáronse nos seus coches ou nos vehículos dos servizos de emerxencias para evitar o frío da noite. Despois de que os bombeiros realizasen labores de ventilación xa puideron regresar ás súas casas.

Mentres, o garaxe está precintado á espera de realizar as comprobacións pertinentes sobre o estado da estrutura, que quedou moi afectada, e os afectados están á espera de saber cando poderán arranxarse todas as tubaxes ou se será necesario realoxar os veciños noutras vivendas temporalmente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade