Un incendio deixa sen electricidade varias horas centos de veciños de Ourense
Os cables da rúa provocaron un curtocircuíto que orixinou as lapas nun edificio do barrio de Mariñamansa
O que era unha mañá máis tranquila na zona de Mariñamansa en Ourense cambiou nun instante cando os cables dun edificio comezaron a arder por causas que aínda se están a investigar. Unha serie de faíscas primeiro, estoupidos e lapas despois sorprenderon a veciños e comerciantes da zona.
A rápida chegada dos bombeiros axudou a calmar a situación e a controlar o incendio, pero sobre todo nos primeiros instantes vivíronse momentos complicados. As clientas do salón de peiteado viviron algún momento de pánico e tras ver as lapas volveron dentro a refuxiarse dos estoupidos e das faíscas.
Na fachada superior dunha tenda de bicicletas e na terraza dun primeiro andar quedan os restos máis visibles do lume. Pero foron moitos veciños en varias rúas os que quedaron sen electricidade durante horas. A maioría deles seguen hoxe aínda tamén sen liña telefónica nin acceso a Internet.