Un incendio destrúe en Mugardos toda a cuberta e interior da coñecida Casa de Vila
A vivenda estaba abandonada e illada entre maleza o que dificultou o traballo de extinción
Un rapazada puido orixinar o lume, segundo contan testemuñas na zona das Casas Baratas
A situación da coñecida como Casa de Vila, en referencia ao seu anterior dono, fixo que fose visible en toda a contorna de Mugardos o incendio que arrasou o sei interior este martes á tarde. Os dous efectivos de garda do Grupo de Emerxencias Supramunicipais acudiron de inmediato.
"Cando chegaron estaba o incendio activo. Era unha casa vella con moita madeira e axiña colleu dimensións importantes. Xa coa chamada do 112 pedimos a axuda dos compañeiros do parque das Pontes porque só tiñamos dous membros de garda, e tardaron en chegar aproximadamente unha hora", explica Fidel González, integrante do GES Mugardos.
A vexetación desmesurada da zona supúxolles un atranco grande tamén para despregar a mangueira, coa que hoxe volven arrefriar. Un veciño, preguntado pola posible causa do lume nun inmoble abandonado e illado entre a maleza, di que "aquí os rapaces veñen xogar e encontraron un chisqueiro, casualidade. Segundo dixo un rapaz que ía chorando o pobre, duns doce anos, prendeu lume e deulle un fogonazo", di Francisco, quen engade que os rapaces tentaron apagar o lume levando auga da fonte cun caldeiro.
Os efectivos de extinción, en principio só os dous do GES, acabaron empregando oito horas en rematar o traballo: "Dúas persoas nun incendio desa envergadura máis o que houbo hai dúas semanas nunha zona próxima complícase abondo estando só dúas persoas para tanta zona", afirma Fidel González.
O territorio que cobre o GES de Mugardos abrangue ata Valdoviño, motivo a maiores polo que piden máis persoal de garda.