Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un incendio calcina un edificio con ocupantes en Ourense

Un incendio calcina un edificio con ocupantes en Ourense

A Policía Científica investiga as causas do lume que esta madrugada destruíu un edificio de tres andares na cidade

Trátase dun inmoble abandonado, pero a virulencia das lapas obrigou a desaloxar durante horas o edificio lindeiro, de doce vivendas

G24.gal 09/06/2025 08:31 Última actualización 09/06/2025 14:08

Os feitos sucederon pouco antes das once da noite deste domingo nun edificio da rúa Zamora en Ourense. Foron os veciños os que alertaron ao 112 tras ver as lapas. Os bombeiros estiveron traballando ata pasadas as catro da madrugada.

Miguel Brey, cabo dos Bombeiros de Ourense: "O interior era todo de madeira e propagouse moi rápido pola carga térmica aos andares superiores ata romper polo tellado".

Trátase dun edificio abandonado, que sufriu numerosos danos materiais, xa que o seu interior é de madeira. Todo parece indicar que a estrutura non quedou danada porque é de pedra. O edificio lindeiro non se viu afectado, pero tiveron que ventilar o primeiro andar por fume. A forte fumareda obrigou a pechar o tráfico durante varias horas.

Ante o risco de que o lume se estendese ao edificio que está pegado, con doce vivendas, decidiron desaloxalo. Cando comprobaron que a estrutura non sufrira danos, os que quedaban puideron regresar.

Carlos Conde, veciño desaloxado: "Moitos foron marchando para as aldeas, por exemplo a nosa veciña, que tiña o neno durmindo e tivo que levantalo. Era impresionante a cantidade de fume que había, mesmo na beirarrúa".

Non houbo feridos, pero nos labores de extinción un bombeiro recibiu un golpe de calor e foi trasladado a Urxencias. Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Ourense, a Policía Local e a Policía Nacional.

Investigación

Xa pola mañá, bombeiros e Policía Xudicial regresaban ao lugar para investigar as causas do lume. Segundo os veciños, o inmoble abandonado era frecuentado por rapazada, pero no momento do incendio os bombeiros non viron ninguén alí. "Non sabemos por que se iniciou o lume. Dicir que estaba habitado é unha temeridade, pero hai que aclarar por que se inicia", indica o cabo dos bombeiros. "Hai un burato na porta por onde entraban desde hai tres meses ou así os rapaces. Había ás veces 3, ás veces 5, ás veces 7...", engade Conde.

Segundo sinalan os veciños, hai xa un par de meses que presentaron unha reclamación no Concello para que tapiasen o acceso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade