Un incendio calcina o salón e a cociña dunha vivenda en Redondela
Un incendio calcina o salón e a cociña dunha vivenda en Redondela
A orixe puido estar nas conexións eléctricas dun calefactor que estaba no salón
O suceso tiña lugar ás dez e media da noite cando Carolina e a súa nai tentan acceder á súa vivenda do barrio da Formiga en Redondela a través do garaxe e xa se decatan de que está toda a vivenda chea de fume. Axiña chaman ao 112. Ata o lugar desprázase a Policía Local de Redondela, o GES de Mos, e os bombeiros do Baixo Miño que pasan preto de dúas horas sufocando o incendio, ventilando e retirando mobles.
A posible causa: as conexións eléctricas dunha estufa que hai no salón e que sempre está prendida neste tempo. Quedaron totalmente calcinados o salón e a cociña. Deuse a circunstancia de que o gato, que adoita durmir fóra, desta volta facíao no salón, polo que tamén morreu.
Varias estancias da vivenda están recubertas de madeira que acabou caendo. A nai e a filla, que comparten inmoble, non poderán volver ocupalo en cinco días.
Agradecen o traballo das forzas da orde e dos veciños que lles axudaron. Tamén consideran unha sorte que o incendio fose de día e con elas fóra da vivenda, porque de non ser así, se cadra igual non eran quen de abandonar a casa.