O Orgullo percorre Santiago contra o odio e a violencia cara ao colectivo LGTBIQ+
Advertiron dunha “escalada de agresións” cara ao colectivo nos últimos meses
Ourense, A Coruña e Lugo mobilizaranse este domingo pola tarde
Centos de persoas percorreron esta mañá o centro histórico de Santiago de Compostela con motivo do Orgullo LGTBIQ+, para protestar contra a discriminación e violencia cara ao colectivo. A manifestación estivo encabezada por unha pancarta co lema 'Contra o fascismo, queers organizadas' e saíu desde a Praza 8 de Marzo ata a Praza de Praterías secundada por unhas 500 persoas, segundo as cifras da organización.
Antes da saída da marcha, Xandre Garrido, membro de Avante LGTB+, unha das asociacións convocantes, puxo de manifesto unha "escalada de agresións" que se deron nos últimos meses en Compostela.
"Desde Avante estamos en contacto con varios casos que se intentaron denunciar, pero a Policía díxolles que se non sabían o nome da persoa agresora non podían facer nada", criticou.
Xa no manifesto lido en Praterías, membros da organización cargaron contra que se utilicen estas violencias para "alimentar discursos racistas e antiinmigración, presentando outras culturas e pobos como unha ameaza para o colectivo".
Este sábado tamén se celebraron mobilizacións en Ferrol, Vigo e Pontevedra e pola tarde farano Ourense, A Coruña e Lugo.