Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un incendio arrasa por completo dous alpendres lindeiros en Sarria

Un incendio arrasa por completo dous alpendres lindeiros en Sarria

Os danos provocados polas lapas poderían ascender aos 80.000 euros

 

Félix Aragunde 27/01/2023 13:39

Ata tres coches de bombeiros do parque sarriao estiveron a traballar durante horas na extinción do incendio que arrasou dous alpendres lindeiros no lugar de Manán. Nun primeiro momento, os veciños trataron de sufocar as lapas cos seus propios medios, pero acabaron por chamar o 112.

Carmen Valcárcel, propietaria dun dos alpendres: "Un veciño viu o lume e chamou, e cuns extintores intentouse apagar, pero xa era imposible. Estaba moi avanzado xa o lume. Viñeron os bombeiros apagaron o que se puido".

Jorge de Neiras, propietario dun dos alpendres: "Ás tres da mañá chamáronme porque había lume e viñen correndo. Xa había lume moi forte. Entón estiven chamando a un lado e a outro, ata que se me ocorreu chamar ao 112".

José Manuel López, sarxento dos Bombeiros de Sarria: "Estaban xa co teito colapsado e totalmente incendiadas. Primeiro centrámonos en evitar que o lume pasara a dúas edificacións anexas e logo procedemos á extinción total do incendio".

Os danos provocados polo lume son moi cuantiosos, posto que poderían ascender aos 80.000 euros. Ademais de quedar destruídas as cubertas, ardeu todo canto había no interior dos alpendres, onde gardaban leña, ferramenta, maquinaria, unha caldeira e un depósito de gasóleo.

Jorge de Neiras, propietario dun dos alpendres: "Só pensar o que custa repoñelo... Son moitos aparellos os que había aí, tamén eléctricos".

Carmen Valcárcel, propietaria dun dos alpendres: "A min ardéronme a caldeira e o depósito de gasóleo. Había moitas ferramentas e, sobre todo, as cousas sentimentais que vas deixando e que se perden".

A Garda Civil investiga agora as causas do incendio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade