Publicador de contidos

Publicador de contidos

Entrégase o home que matou un veciño e feriu un garda civil en Valladolid

Entrégase o home que matou un veciño e feriu un garda civil en Valladolid

O home permaneceu máis de 13 horas atrincheirado logo de disparar contra un veciño da vila de Santovenia de Pisuerga, saír fuxindo e refuxiarse na súa vivenda onde mantiña retido o seu xenro 

O axente ferido neste suceso foi trasladado ao hospital e o seu estado é grave

(EFE/Nacho Gallego)
G24.gal 01/07/2022 10:23 Última actualización 01/07/2022 21:02

O home que esta madrugada matou outro en Santovenia de Pisuerga (Valladolid), entregouse á garda civil tras máis de 13 horas atrincheirado na súa vivenda, na que tiña como refén ao seu xenro, que foi liberado sen sufrir ningún dano.

Amais de matar o veciño, o home disparou na cabeza a un axente da Garda Civil que trataba de negociar con el. Segundo as últimas informacións o axente, un tenente coronel, continúa en estado grave, pero estable, logo de ser intervido.

O suceso iniciouse de madrugada. Pouco antes das dúas a Garda Civil de Valladolid solicitou asistencia médica ao 112 xa un home que estaba inconsciente tras ser ferido cunha arma de fogo, e que finalmente faleceu.

Fontes da investigación apuntan a unha liorta entre veciños e descartan, polo momento, que se trate dun asunto de drogas.

Ao parecer, o presunto homicida vive no piso baixo do bloque onde disparou ao falecido, cuxo domicilio se atopa no terceiro piso, e tras dispararlle refuxiouse na súa propia casa, onde estivo atrincheirado coa parella da súa filla e desde a que disparou ao garda civil, que resultou ferido de gravidade.

Testemuñas presenciais explicaron a Efe que viron como o home estaba a esperar á vítima no portal e, cando chegou, pegoulle un tiro.

Ao escoitar os disparos, o fillo da vítima mortal, que nese momento estaba na casa, baixou á entrada e atopouse ao seu pai gravemente ferido; o asasino, segundo as testemuñas, apuntoulle e tentou disparar, pero a arma atrancouse e saíu correndo cara á súa vivenda na planta baixa.

A Garda Civil mantivo acordoada a zona e desde as 3 da madrugada tentou negociar co autor dos disparos para que saíse da vivenda, mentres preparaba un posible asalto á casa se non depoñía a súa actitude como finalmente ocorreu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade