Detido un veciño de Cangas por un roubo nun establecemento comercial do municipio
A Garda Civil da localidade detivo o home, de 56 anos, que confesou o delito e xa se encontra en prisión provisional
Imaxe da rotura da cristaleira do domicilio-Gardia Civil
A Garda Civil de Cangas detivo un veciño desta localidade, de 56 anos e con antecedentes policiais, como presunto autor dun roubo con forza no interior dun establecemento comercial.
Os axentes tiveron coñecemento do roubo e realizaron unha inspección ocular do lugar. Sendo coñecedores de que, nas proximidades, vive unha persoa con numerosos antecedentes por feitos similares e co mesmo modus operandi, dirixíronse ao domicilio desta persoa. Ao chegar interrogaron o sospeitoso e el mesmo recoñeceu ser autor do roubo, polo que se procedeu á súa detención.
Entre os obxectos subtraídos, había unha máquina de tatuaxes, un xogo de chaves de parafusos de precisión, diñeiro en efectivo e un computador portátil, que foi recuperado.
O home foi detido, e as dilixencias realizadas foron poñelo ao dispor do Tribunal de Instancia e Instrución 1 de Cangas, que acordou o seu ingreso en prisión provisional.