Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un gol de Raphinha dálle a Supercopa o Barcelona (3-2)

Un gol de Raphinha dálle a Supercopa o Barcelona (3-2)

O partido resultou trepidante con intercambio de ocasións e momentos  

O Real Madrid pechouse e buscou máis a contra, o Barça dominou a posesión

Vinicius e Raphinha estiveron a un nivel estelar

Decidiu un gol de Raphinha a 18 minutos do final

G24.gal 11/01/2026 20:58 Última actualización 11/01/2026 23:42

Cando dous equipos da calidade deste Barcelona e deste Real Madrid se xuntan nun campo e liberan o seu fútbol converten este deporte en algo marabilloso. Así foi esta final da Supercopa en Yeda, algo marabilloso. Un exercicio de fútbol no que o Madrid pechouse en bloque baixo, na procura de solidez, buscando a recuperación e a saída como arma. E o Barça trazou desde a posesión pero consciente de que, na súa xenética, está sempre o dano tras presión. Así plantexaron a final. 

Co que non contabamos foi co febleza atrás duns e doutros, as concesións. Esas que tanto enfadan aos adestradores, pero que resultan unha delicia para os espectadores. Na primeira media hora, Vinicius e Gonzalo quedaron man a man con Joan García, Raphinha e Pedri puideron bater a Courtois. Nesa tolemia conseguiu pegar primeiro o Barça, con Raphinha (minuto 35). O gol castigou a confianza do Madrid, que, por momentos, pareceu noqueado. Pero soubo saír cun gol de Vinicius salvador (minuto 45). E de aí ata o descanso, na compensación, volveu marcar o Barcelona (Lewandovski) e a empatar doutra volta Gonzalo. 2-2, de tolos. Unha marabilla.

Á volta, ao pouco de arrancar Vinicius poñía a proba as condicións de Joan García. O máis perigoso dos brancos. Incontible. E Xabi Alonso poñía a quecer a Mbappé. O Madrid principiaba mellor, tiña máis balón e o Barça sufría. Rodrigo volvía avisar e respondía Joan García. E, en ataque, ata o minuto 70 non deu mostras de perigo o cadro de Flick. Foi unha ocasión de Lamine. A final -aí- pintaba para o Madrid.

E con ese panorama, que foi o que pasou? Que marcou o Barça. Recreándose na sorte. Nun tiro de Raphinha, medio esvarando, que petou en Asencio e sorprendeu a Courtois (minuto 72). E, como sucedera na primeira parte, o Madrid acusou o golpe e os culés foron arriba. Capitaneados por Lamine. Xabi Alonso meteu no partido a Mbappé. E así entramos nos minutos finais.

O Madrid colleu o peso do partido. Por necesidade. E o Barça buscou o roubo e a contra. A velocidade de Raphinha. O cuarto culé parecía máis preto pero, nun novo xiro, chegou a expulsión de De Jong (minuto 90). Vermella directa por unha entrada a Mbappé. E neses minutos finais o Madrid puido forzar o empate, pero os remates cómodos, dentro da área, do galego Álvaro Carreras e de Asencio acabaron nas mans de Joan García.  E así foi como Barça volveu gañar a Supercopa. 

E logo comezaron as celebracións. E mentres o campión festexaba no campo, na sala de prensa Xabi Alonso falaba orgulloso e ao tempo decepcionado pola derrota.

Tras Xabi Alonso, falou ante os medios Raphinha. O dianteiro do Barcelona foi elixido mellor xogador da final e do torneo.

E o último en comparecer na sala de prensa foi o técnico do Barcelona, Hansi Flick. Flick asegurou en inglés que "cando xogas unha final, unha final contra o Madrid, un "Clásico", e gañas é estupendo. Estou moi ledo e orgulloso do equipo, orgulloso do noso estilo, de ser o Barça. E iso é para min o máis importante. Como dixen, estou moi orgulloso".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade