Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un garda civil evita un suicidio en Ourense

Un garda civil evita un suicidio en Ourense

O axente, que non estaba de servizo, logrou disuadir un home que intentaba tirarse da Ponte Nova

O suicidio é a primeira causa de morte violenta en Galicia, máis de 300 persoas ao ano

Roberto Valente sinala o lugar onde sucederon os feitos, na Ponte Nova de Ourense
G24.gal 16/03/2023 13:15

Pasaba da medianoite cando Roberto Valente regresaba á súa casa, do outro lado da Ponte Nova. Na marxe esquerda viu unha escena que o alarmou: un home subido na varanda da ponte, en actitude de tirarse ao río.

"Eu ía para casa e sorprendeume: xa non había ninguén a esas horas e estaba o home subido, con medio corpo para fóra. Puxen os catro intermitentes e baixei, e logo, enfronte, viñan dúas rapazas en coche que tamén baixaron. Estívonos contando que tiña problemas económicos", explica Roberto Valente, Axente da Garda Civil de Ourense.

O punto onde sucederon os feitos está a máis de vinte metros de altura con respecto ao río Miño. "Aí caes no medio do río directamente. A esas horas, entre o fría que está a auga e o golpe que dás, o máis seguro é que non o contes", di Valente.

O home, de cincuenta anos, foi trasladado ao complexo hospitalario ourensán. Levárono uns axentes da Policía Nacional que tamén pasaron casualmente pola zona, alertados por outro aviso de intento de suicidio.

"O día de mañá podo estar eu. Calquera pode ter un maldito problema, dá igual a clase social... Se ves alguén así, tes que botarlle unha man, non é por ser garda civil, é por ser persoa", asegura Valente.

O suicidio é a primeira causa de morte violenta en Galicia, máis de 300 persoas ao ano. Os datos máis recentes, de 2021, indican que houbo un incremento de casos nos últimos cinco anos, incluíndo a pandemia, un indicador da necesidade de atención á saúde mental.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade