Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un furtivo salva a vida 'in extremis' na Coruña en plena alerta laranxa

Un furtivo salva a vida 'in extremis' na Coruña en plena alerta laranxa

Botouse ao percebe na zona do Millenium, especialmente castigada polos mariscadores ilegais

Destacan a perigosidade desta zona, moi rochosa e onde as ondas golpean con especial forza

G24.gal 17/03/2026 14:21

Xogan a vida ao pé do Millenium.

"Esta é unha zona moi moi perigosa. É zona de percebe atacada polo furtivismo e que temos totalmente esquilmada. Non cabe en cabeza humana co mar que habia onte indo aos percebes. E menos nun sitio tan exposto", resalta Javier Mariñas, patrón maior da confraría de pescadores da Coruña.

Nas últimas horas, volveu pasar. Un furtivo botouse a coller percebe co mar golpeando con máis forza aínda que hoxe. Unha temeridade. 

"O risco de achegarse á pedra, tanto por mar coma por terra, era unha loucura. O mar estaba, xa non para ir ao percebe, que por descontado que non, e que moitos barcos nin sequera saíron faenar", engade Mariñas.

Sexa por necesidade ou por ignorancia, pouco lles importa arriscar a vida, e moito menos a doutros. De feito, alguén que o viu en apuros baixou polas rochas para botarlle unha man. Unha decisión espontánea, humana, pero non sempre acertada. 

"A xente que pode estar arredor tentando axudarlle e ao final caen os dous. Sempre hai a dúbida de axudar ou non axudar, sobre todo cando non temos formación. Por exemplo, imos andando polo paseo e vemos a alguén en perigo e axudamos, podemos ter dous accidentados en ves dun", advirte Nuria Rodríguez, presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia.

"Se alguén caera nunha destas pedras, saltaría ao outro lado. Imposible sacalo por como pasan as ondas por riba: onda e arrastre, unha tras outra", coincide o patrón maior da confraría da Coruña

Os profesionais do mar quéixanse. 

"Dun tempo a esta parte profesionalizouse porque son multas que non se pagan. Nós temos furtivos habituais con máis dun cento de denuncias", lamenta o presidente dos pescadores.

E os de Salvamento advirten.

"Estamos tendo unha ondada moi importante e o mar está moi bonito, máis con este bo tempo, pero os servizos de salvamento aínda non están nas praias", lembra Nuria Rodríguez.

Por sorte, esta vez a ousadía do furtivo acabou cun dobre S: susto con sorte. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos