Un falecido nun accidente de tractor na Pobra do Brollón
Foi a propia vítima a que pediu auxilio e indicou que non estaba atrapado polo vehículo
Arquivo
Unha persoa faleceu na tarde deste xoves na Pobra do Brollón tras sufrir un accidente co tractor que conducía. A pesar do importante dispositivo de medios, que incluíu a mobilización dun helicóptero medicalizado, nada se puido facer por salvarlle a vida.
O suceso tivo lugar na parroquia de San Cosme de Liñares ao redor das 15.30 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibiu a chamada do propio implicado, quen indicaba que sufrira un accidente co seu tractor e precisaba asistencia médica urxente, aínda que non se atopaba atrapado polo vehículo.
🔴 #AxegaInforma dunha persoa falecida na Pobra do Brollón.
— 112 Galicia (@112Galicia) April 9, 2026
📍 San Cosme de Liñares.
➡️ A vítima viuse implicada nun accidente cun tractor e, a pesar do dispositivo de medios, faleceu no lugar.
🔗 https://t.co/T4iifY8YLf pic.twitter.com/h5oIZzF7LG
De inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Monforte, do GES de Quiroga, da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil. Así mesmo, informouse o 061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar dos feitos.
Finalmente, e a pesar dos esforzos do persoal sanitario desprazado, nada se puido facer por salvarlle a vida á persoa.