Un estudo español cambia a estratexia de tratamento para o cancro de pulmón
A investigación está liderada polo Grupo Español de Cancro de Pulmón
O tratamento combina quimioterapia con inmunoterapia
Máis de 300 profesionais de 25 hospitais participaron no estudo, entre eles o Chuac
Un estudo español cambia a técnica de tratamento do cancro de pulmón, combinando a quimioterapia e a inmunoterapia. Está considerado o maior avance na investigación desta enfermidade en 30 anos. Segundo os seus resultados, multiplica por seis os cancros de pulmón que desaparecen por completo.
O estudo realizárono investigadores do Grupo Español de Cancro de Pulmón, liderado por Mariano Provencio, xefe de oncoloxía do hospital Puerta del Hierro de Majadahonda. Esta investigación vai cambiar a estratexia para tratar o cancro de pulmón en estadios intermedios.
O tratamento combina quimioterapia con inmunoterapia, que consiste en reactivar o sistema inmunitario para que ataque as células tumorais. Segundo este estudo, auméntanse ata o 93 por cento os pacientes candidatos a cirurxía e multiplícanse por seis os cánceres de pulmón que desaparecen.
Máis de 300 profesionais de 25 hospitais participaron nesta investigación, entre eles o complexo hospitalario universitario da Coruña.
"Cremos que isto pronto chegará tamén a Europa. Fomos os primeiros en España e esperamos que España sexa tamén dos primeiros países en ter a aprobación regulatoria", di Mariano Provencio, oncólogo e presidente do Grupo Español de Cancro de Pulmón.
Nuns días Mariano Provencio trasladarase a Chicago para presentar os resultados deste estudo clínico no Congreso Americano de Oncoloxía, o máis prestixioso do mundo. Este estudo está considerado o maior avance en 30 anos na investigación do cancro de pulmón e que de seguro salvará moitas vidas.