Día Mundial do Melanoma, para sensibilizar sobre a prevención do cancro de pel máis agresivo
Evitar a exposición solar sen protección é a mellor defensa contra o melanoma, o máis agresivo dos cancros de pel
A detección precoz aumenta ata o 90 % as posibilidades de sobrevivir a un melanoma
O melanoma é o cancro de pel menos frecuente, pero tamén o máis agresivo e o que ten maior taxa de mortalidade. Con todo o índice de supervivencia elévase ao 90 % se se diagnostica nas fase iniciais.
"E como é un cancro que é relativamente sinxelo de sospeitar e de tratar nas fases iniciais, convén informar á poboación para que estea ao tanto e os consulten rápido porque hai posibilidade de curalo na maior parte dos casos, no noventa por cento dos casos", di José Álvarez, dermatólogo do hospital de Ourense.
De aí a importancia de acudir ao médico se detectamos calquera cambio nun lunar.
"Todos temos lunares, o máis importante para diagnosticalo rápidamente é revisalos periódicamente e ver se algún presenta cambios, sobre todo cambios de tamaño, que aumenten de tamaño ou cambios na cor. Nese caso deben consultar co médico de familia", explica José Álvarez.
E se o diagnóstico precoz é importante aínda o é máis a prevención. Malia que algunhas persoas, sobre todo as de pel máis clara, teñen maior predisposición a padecer cancro de pel, o principal factor de risco é a exposión solar sen protección.
A incidencia do melanoma foi en aumento nos últimos anos. Reverter esta tendencia está nas mans de todos co uso de parasoles ou roupa na praia ou na piscina e convertendo a crema de protección solar nunha rutina diaria.