Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un estudante de ESO de Ourense irá ás Olimpíadas Internacionais de Matemáticas

Un estudante de ESO de Ourense irá ás Olimpíadas Internacionais de Matemáticas

Pablo Freire foi campión galego, medalla de ouro no torneo nacional coa segunda mellor nota e en xullo integrará o equipo olímpico que competirá en Australia

Canda el estará tamén o coruñés Miguel Cores, que quedou sexto no campionato estatal celebrado en marzo en Xixón

G24.gal 10/04/2025 20:49 Última actualización 10/04/2025 21:30

Un alumno de cuarto da ESO de Ourense integrará o equipo que representará a España na Olimpíada Matemática Internacional. A cita será en Australia no mes de xullo e alí estará o estudante ourensán.

Estivemos con el para coñecer como xurdiu a súa paixón polos números.

Aínda coa raqueta de bádminton na man, a súa outra paixón, Pablo Freire, de 16 anos, chega ao seu pupitre na aula de 4º da ESO do instituto das Lagoas de Ourense.

Alí recíbenos para que contarnos por que se lle dá tan ben o -para o común dos mortais- complexo mundo das mátematicas.

"Meus pais son mestres de matemáticas e miña madriña tamén. De pequeno cando eles estaban corrixindo os exercicios de matemáticas eu andaba por alí. Son da mesma opinión que Eduardo Sánchez de Cabezón que di: "As matemáticas dánseche ben se che gustan, e non ao revés", sentencia este rapaz que acaba de facer os 16 anos e estuda no instituto das Lagoas.

En sexto de primaria apuntouse ao proxecto Estalmat para perfeccionar as habilidades de cálculo e participar en campionatos.

Foi campión galego e acaba de gañar unha medalla de ouro, coa segunda mellor puntuación, no torneo nacional.

Canda el, outro galego, o coruñés Miguel Cores, sexto clasificado, viaxará en xullo a Australia para competir na olimpíada internacional.

"O do torneo internacional hai que tomalo con calma porque é moito máis difícil. É verdade que tes unha hora máis para resolver os problemas, pero é moito máis difícil", admite Pablo, quen di non estar nervioso por agora, xa que para iso aínda queda tempo.

Non é só unha afección do presente, as matemáticas acompañarano tamén no futuro, ou esa é a súa idea.

"Miña irmá estuda primeiro de matemáticas na Universidade de Santiago e eu vou seguir o seu camiño. A min tírame máis a investigación que a docencia, porque dá máis liberdade", confesa Pablo.

A vida non é unha ciencia exacta, pero o que si ten claro Pablo é que, se estudas, obtés o mellor resultado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade