Publicador de contidos

Publicador de contidos

A feira Equina Galicia 2025 reúne en Silleda preto de 200 cabalos

A feira Equina Galicia 2025 reúne en Silleda preto de 200 cabalos

Esta cita ecuestre é escenario de competicións de primeiro nivel

G24.gal 13/07/2025 10:06 Última actualización 13/07/2025 10:31

Equina Galicia 2025 trouxo ata Silleda preto de 200 cabalos, a maioría de pura raza española, moitos deles auténticos campións. Xuntáronse exemplares criados en Centroamérica, en Europa, en distintos puntos de España e tamén en Galicia.

"En cabalos en Galicia hai un nivel moi alto. Duns anos para acá seleccionouse en base ao regulamento e á normativa internacional da FEI e da Asociación Nacional de Pura Raza Española e nestes momentos estase criando moi ben", afirma Manuel Benavides, presidente da Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia e director do certame.

A propietaria dunha gandería de Ponte Caldelas conta que para ela criar esta raza foi un soño feito realidade.

"Son os mellores pola súa estampa, polos seus movementos, pola súa nobreza, por todo. O mellor cabalo témolo en España e é o cabalo de pura raza española", asegura Loly Pereira, da gandería Santos Pereira.

Cabalos e xinetes competiron nesta cita de Silleda en distintas modalidades e concursos, entre eles no campionato de España tres estrelas de pura raza española, clasificatorio para a final do campionato do mundo e un reclamo para profesionais como a fotógrafa e videógrafa ecuestre Teresa Ruiz de Lopera, que trata de estar en todas as competicións importantes.

"Teño que perder algúns porque moitas veces simultanéanse en España e fóra de España e nós facemos cobertura en toda Centroamérica, os Estados Unidos e Europa e temos que ir só os que están clasificados de primeira categoría, coma este", explica Teresa.

Outro dos concursos con máis atractivo é o de equitación de traballo, unha modalidade centrada nas destrezas do cabalo para o traballo no campo.

"Tes que facer unha rectitude e unha doma de tranco en cada momento. Esta modalidade é cen por cento doma de alta escola", puntualiza Gonzalo Autrán, vicepresidente da Federación Galega de Hípica. 

A equitación de traballo introducírona o ano pasado e están tratando de fomentala en Galicia polo seu atractivo para os xinetes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade