Un estancamento no Ártico e o efecto Fujiwara explican por que a chuvia non dá tregua
Estes fenómenos están dentro da normalidade, din os meteorólogos, fronte a sensación de fartura que provocan as xornadas encadeadas de chuvia
Despois de varias xornadas de chuvia intensa, de neve nas serras e de vento no mar, empeza a estenderse a sensación de que este inverno está sendo peor. Coma os invernos de antes, din algúns. O certo é que de momento os datos non amparan esa percepción.
Falamos con Joel Cid, meteorólogo, e vemos circular o vento nos modelos cos que traballa e MeteoGalicia; e vemos tamén que dos vinte e un nomes propostos para as borrascas de impacto deste inverno xa levamos "gastados" once. Xa imos na letra K e -por exemplo-, o ano pasado chegou á letra O en maio.
O que sucede este inverno é que hai dúas borrascas, Chander e Joseph, que producen o efecto Fuijiwara.
"Succiona unha a outra. Son dous vórtices e o pequeno acaba interaccionando co máis grande e acaban formando unha única borrasca. É como un baile", explica Joel desde MeteoGalicia.
Un baile máis propio de zonas tropicais, pero que se dá tamén en latitudes medias, con chuvia, vento e neve en cotas baixas, coma o pasado venres. Os rexistros non son tan excepcionais.
"En Abadín, en Labrada, o 13 de setembro de 2009 acumuláronse 214 litros nun día. Polo tanto, non é nada extraordinario o que pasou o luns", matiza.
Así que a aproveitar a raiola, porque aínda haberá que seguir tachando borrascas.