O inverno meteorolóxico en Galicia termina como o máis chuvioso do último cuarto de século
MeteoGalicia contabiliza unicamente 17 días sen avisos meteorolóxicos entre decembro, xaneiro e febreiro
Este último inverno meteorolóxico, que abarca os meses de decembro, xaneiro e febreiro, é o máis chuvioso do último cuarto de século na comunidade e como un dos catro con máis precipitacións dende que empezaron a recollerse datos en 1961.
Segundo os datos de MeteoGalicia, a media das precipitacións ascendeu ata os 800 litros por metro cadrado, un incremento do 81 % respecto ao habitual neste período. A maior variación foi rexistrada en febreiro (extremadamente húmido), con 304 litros por metro cadrado e unha diferenza do 160% sobre o valor climático habitual.
"Temos que remontarnos ao 1979 para atopar uns datos iguais en febreiro", contextualizou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, na presentación do respectivo informe, onde cualificou este inverno como "atípico" e "cálido".
Neste sentido, houbo unha desviación en positivo da temperatura de 0,6 graos, a pesar de que puido existir a sensación de que foi máis frío.
Exemplificándoo co caso de febreiro (mes moi cálido), a meteoróloga Ana Lage indicou que se explica por un aumento das temperaturas mínimas. Pola contra, as máximas estiveron "na media ou mesmo por baixo". Con todo, en decembro e xaneiro rexistráronse valores normais.
Só 17 días sen avisos en todo o inverno
En total, MeteoGalicia contabilizou unicamente 17 días, dun total de 90, en que non houbo ningún tipo de aviso meteorolóxico: 8 en decembro, 4 en xaneiro e 5 en febreiro. Entre os días que si os houbo, o 26 de xaneiro foi un "peculiar", no que afectou a borrasca Chandra, onde se notificou o único aviso de nivel vermello por choiva.
Neste tempo arredor dunha decena de borrascas afectaron Galicia: a primeira foi Francis, o 7 de decembro, e a última, Pedro, o 18 de febreiro. Iso si, a comunidade quedou exenta dos efectos de Emilia e Harry, que afectaron a outros lugares da Península Ibérica.
Días sen choiva houbo poucos. En decembro, houbo unha "parada" entre Noiteboa e Noitevella; en xaneiro, o único día sen algún tipo de precipitación foi o domingo 4, e en febreiro, entre o 20 e o 28, tamén se sucederon varios días sen auga. "Este é un patrón moi típico da primavera meteorolóxica, que empezou o 1 de marzo", apuntou Lage.
"Isto tennos que facer reflexionar como administración", opinou Vázquez, que detallou que os datos de MeteoGalicia servirán para a participación de Galicia nun proxecto europeo co que estudarán "solucións naturais" para a "mitigación" do cambio climático.