Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un encapuchado golpea cunha barra metálica un home de 74 anos no portal da súa casa

Un encapuchado golpea cunha barra metálica un home de 74 anos no portal da súa casa

O home, de 74 anos, pasou a noite no hospital de Verín, pero xa está dado de alta

A Garda Civil interrogou un veciño co que tiña problemas, pero non hai detidos

Imaxe cedida por Diario do Támega
G24.gal 30/11/2021 13:41

Un encapuchado agrediu cun obxecto metálico un veciño de Verín de 74 anos no portal da súa casa. A vítima, que recibiu fortes golpes na cabeza e no nariz, pasou a noite en observación no hospital, e xa foi dado de alta. De momento, non hai detidos.

Volvía á casa pola noite e cando entrou no portal o encapuchado empezou a golpealo. Despois dun forcexo, o agresor fuxiu e o agredido quedou tirado no chan, ferido e ensanguentado. Berrou pedindo auxilio, pero no edificio ninguén o escoitou.

"De noite se estás vendo a tele, e nós estamos na parte de atrás, non sentín nada, e os cans tampouco ladraron", dixo unha veciña do mesmo inmoble.

O home foi capaz de erguerse e ir andando ata un centro sanitario próximo, desde onde o trasladaron ao hospital de Verín. Alí pasou a noite en observación, e esta mañá xa lle deran a alta.

Os axentes da Garda Civil que investigan o suceso falaron cun veciño con quen a vítima tiña desavinzas, pero, de momento, non hai detidos nin imputados.  Os inquilinos do edificio din que o barrio é tranquilo e que non esperaban algo así.

"Pasea moito por aquí, ten un canciño pequeno, anda moito de arriba para abaixo. Non sei que problema podía ter", sinalou o mesmo veciño.

Coñecidos do agredido comentan que era un home de costumes e que o encapuchado podía coñecer as súas rutinas.

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade