Evacuado un tripulante dun palangreiro galego a 130 millas da costa de Vigo
O helicóptero Pesca I trasladouno ao Hospital Álvaro Cunqueiro
A alerta fora recibida o luns pero a distancia impediu actuar ata este martes
O Servizo de Gardacostas de Galicia evacuou este martes un tripulante dun palangreiro galego que faenaba a 130 millas da costa de Vigo, tras recibir unha alerta médica a bordo.
Segundo informou a Consellería do Mar, o mariñeiro atopábase no buque Nunca Es Tarde, un palangreiro de superficie con base no Porto de Vigo.
A pesar de que o aviso chegou o luns, a gran distancia á que se atopaba a embarcación impediu unha intervención inmediata.
Finalmente, o helicóptero Pesca I foi mobilizado este martes e completou a evacuación sanitaria arredor das 13:15 horas, trasladando o afectado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.