Un doce de leite feito en Chantada conquista o mercado internacional
Está elaborado con leite enteiro saído directamente da vaca, a diferenza do resto que se fai con leite en po
A granxa de Lacto Baltar comenzou hai seis anos cunha pequena produción e agora procesan 1.800 litros de leite diarios
O 90 % da produción vai a compradores nacionais, o resto viaxa a Europa e agora buscan abrir mercado na China
Pensando en como aproveitar o excedente de leite da súa granxa, un gandeiro de Chantada ideou un doce que xa se vende por boa parte de Europa e aspira a entrar no mercado chinés. Un doce de leite galego distinto a todos os demais.
A iniciativa xurdiu hai seis anos da man dun uruguaio que traballaba nesta gandería da localidade chantadina de Baltar.
"Coa miña incerteza de non saber que facer co leite que sobraba en época de vacas fracas (porque non se vendía) e a súa idea, porque el era uruguaio e confesou que desde que chegara a España non atopara nunca un doce de leite de calidade", conta Alfonso Fernández, xerente de Lacto Baltar.
Doce de leite xa hai abondo no mercado, pero faise con leite en po. O doce de Baltar é distinto porque se elabora con leite enteiro, o que lle confire mellor calidade e sabor.
"Mentres no resto dos produtos o primeiro ingrediente é a auga, á que lle engaden leite en po, nós o que temos é leite enteiro, coa súa graxa, ao que lle quitamos a auga que lle sobra. O noso doce leva un 78 % de leite e o resto de azucre. O leite fresco dálle unha textura e unha cremosidade incrible, e tamén o sabor, nada que ver co resto que hai no mercado", sinala Alfonso.
Duascentas oitenta vacas producen case catro mil litros de leite diarios. Uns 1.800 destínanse a elaborar o doce. Con dous litros de leite fan un quilo de doce.
Comezaron facturando 6.000 euros anuais e agora xa superan o medio millón. O 90 % vai para o mercado nacional. En Europa xa os coñecen. Agora teñen a oportunidade de entrar no xigante chinés.
"Vendemos en Suíza, Dinamarca, Francia e Italia. Agora, a través dun cliente arxentino que ten xeaderías en Macao, intentaremos meternos no mercado chinés", apunta o xerente da granxa situada na localidade chantadina de Baltar.
No futuro pretenden destinar toda a produción leiteira ao doce, produto con maior valor engadido para seguir medrando e garantir a viabilidade da explotación.