Un detido na Coruña como presunto autor dos roubos en dous establecementos
Os dous golpes foron de madrugada e en establecementos próximos: unha cristalería nos Mallos e unha óptica en Juan Flórez
Os dous comercios asaltados están próximos, e entráronlles con pouco tempo de diferenza: os dous golpes foron entre as cinco e as cinco e media da mañá. Un foi na avenida dos Mallos, nunha cristalería. Conta o dono, Juan José González, que o caco rebentou o escaparate a golpes.
"Os golpes espertaron media veciñanza, incluso algún veciño estivo berrándolle que ían chamar á policía", di. Os que viron o asaltante, describírono como "un home baixo e vestido cun suadoiro branco", explica.
Cre que o caco debeu de botar o seu tempo no asalto, porque revisou armarios e caixóns, supostamente buscando cartos. "Pero cartos non había -di Juan-, así que pode faltar un ordenador portátil, algunha cousa, habería que mirar aínda".
Aínda non saben o que levou, pero si o que deixou:
"Moita desfeita, porque tentou romper a cristaleira abaneándoa, e caeu moito material que había dentro", explica o propietario. Deixou tamén un regueiro de sangue, ao cortarse cos cristais. "Desfixo a man, porque está cheo de sangue o cristal e a tenda", di Juan José.
Parece que o mesmo sistema empregou para entrar nunha óptica en Juan Flórez, a uns 500 metros da cristalería.
"Rompeu un machón de cristal que hai e cortouse, porque había sangue na porta", explica o propietario, Manuel Sánchez Rubal.
Tamén aquí foi máis a desfeita que deixou, que o botín que levou. "Cremos que puido levar dez ou doce lentes, como moito", di Manuel.
Pola gravación da cámara de seguridade di que foi un golpe rápido, "cousa de 15 segundos", e que o ladrón fuxiu ao saltar a alarma. A policía prendeuno pouco tempo despois, supostamente na zona da rúa Barcelona. O home está investigado por dous delitos de roubo con forza.