Dez persoas detidas nas protestas propalestinas ao paso da Volta pola provincia de Lugo
Unha das persoas arrestadas é a responsable comarcal de Lugo Sur do BNG, e o Bloque considera que "non hai motivos" para a "represión"
Os 10 activistas foron detidos no treito final da etapa da Volta, nos concellos do Corgo e de Monforte
Entidades organizadoras das manifestacións propalestinas denuncian "cargas policiais" e unha "represión brutal", antes da chegada dos ciclistas a Monforte
Os 10 activistas foron detidos no treito final da etapa deste domingo da Volta, nos concellos do Corgo e de Monforte. A chegada a Monforte foi o momento máis complicado, cando un home participaba na manifestación propalestina foi detido pola Policía Nacional no espazo valado disposto no tramo final da 15ª etapa da Volta en Monforte de Lemos, onde os ciclistas tiñan prevista a súa chegada pasadas as 17:00 horas deste domingo.
Nas protestas activistas provocaron a caída de Javier Romo, do Movistar, e de Edward Planckaert, do Alpecin.
As detencións efectuáronse por desorde pública "con perigo para a integridade das persoas", segundo trasladan fontes coñecedoras das mesmas. Desta forma, oito foron efectuadas no Corgo a cargo de axentes da Garda Civil e outras dúas foron realizadas en Monforte por efectivos da Policía Nacional.
Entre as persoas arrestadas atópase a responsable comarcal de Lugo Sur do BNG, Rosana Prieto, segundo confirman fontes do partido. Arredor das oito da tarde deste domingo xa foi posta en liberdade.
Tras os arrestos, unhas cincuenta de persoas concentráronse diante da Comandancia da Garda Civil de Lugo e entre eles atópabanse a concelleira do BNG de Outeiro de Rei, Elvira Lombao, e o secretario da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto.
Ambas, participaron durante esta xornada na protesta levada a cabo na Fonsagrada e apuntaron que foron identificados e propostos para sanción.

BNG: "Non hai motivos para a represión"
O BNG apoia á membro detida e a súa secretaria de organización, Lucía López Sobrado, considera que "non hai motivos para o uso da forza nin da represión".
"As protestas que se están desenvolvendo en Galicia como na que participaba a nosa compañeira Rosana son lexítimas e plenamente pacíficas", xustifica.
A formación nacionalista móstrase "orgullosa" da "resposta solidaria" da cidadanía galega ao "denunciar o xenocidio que Israel comete en Palestina". "Non nos van a calar e estamos orgullosas da nosa compañeira Rosana, que esperamos que quede libre e sen cargos o máis axiña posible", engade.
A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou publicamente o seu apoio a través do seu perfil na rede social 'X': "É indignante que se deteña a quen levanta a voz contra a barbarie. Todo o apoio ás persoas detidas". Ademais, pediu "explicacións" sobre o sucedido.
💙Orgullosa dun pobo que denuncia o xenocidio de Palestina. Todo o apoio ás persoas que protestan ante a presenza do equipo de Israel na Volta.
— Ana Pontón (@anaponton) September 7, 2025
❌É indignante que se deteña a quen ergue a voz contra a barbarie, todo o apoio ás persoas detidas. Esiximos explicacións.
🌍 Non…

Convocadas varias manifestacións propalestina este domingo en concellos lucenses
Este domingo foran convocadas varias mobilizacións en municipios lucenses para protestar contra a participación dun equipo israelí, Israel Premier Tech, na competición deportiva. Os episodios de maior tensión tiveron lugar antes da meta.
Fontes das entidades organizadoras das manifestacións denuncian "cargas policiais" e unha "represión brutal", que se orixinou antes da chegada dos ciclistas a Monforte. Así, informan de que a Policía chegou a "identificar varias persoas" que portaban bandeiras palestinas.
A detención tivo lugar despois de que os manifestantes entoaran consignas propalestinas e tentaran desprazar os valos. Este episodio levou o dispositivo de seguridade a realizar un dobre valado nun punto a 150 metros da liña de meta.

Paso da volta polo Corgo
No paso da Volta polo Corgo, minutos antes das 16.00 horas, xa se produciu outro episodio de tensión entre manifestantes e axentes da Garda Civil. Os participantes da protesta tentaron cortar a estrada e algúns deles foron reducidos polos axentes, tras o que se efectuaron un total de oito detencións.
Entre estas persoas arrestadas atópase un home que estivo involucrado noutro dos incidentes que se sucederon na xornada, que terminou coa caída dun competidor.
Como se puido ver na retransmisión, nun punto anterior, a 56 quilómetros do final, este manifestante estaba situado entre árbores, cando correu en dirección aos ciclistas e tropezouse aos pés do pelotón. Acto seguido, un garda civil, que se dirixía cara a esta persoa, pasou por no medio do pelotón. Este incidente saldouse cun dos participantes da Volta, Javier Romo, caendo da bici.
