Rusia ataca Ucraína con máis de 800 drons e mata polo menos dúas persoas en Kíiv
É o maior ataque levado a cabo por Moscova dende que comezou a invasión
Rusia atacou masivamente Ucraína de madrugada, con máis de 800 drons e unha ducia de mísiles. Segundo os servizos de emerxencia e as autoridades locais, polo menos dúas persoas morreron e outras 18 quedaron feridas en Kíiv.
Segundo o parte diario preliminar do mando das Forzas Aéreas de Ucraína, Moscova fixo un ataque combinado con 805 drons suicidas do tipo Shahed e drons reclamo de diversos tipos. Deste xeito, supera o anterior récord alcanzado en xullo tras lanzar máis de 740.
O ministro ucraíno de Exteriores, Andrí Sibiga, confirmou na rede social X que é a primeira vez que Rusia emprega tantos drons nun ataque no que tamén botou man de nove mísiles Iskander-K e catro mísiles balísticos Iskander-M/KN-23.
O mandatario subliñou o cinismo desta nova escalada por parte do dirixente do Kremlin, Vladímir Putin, xusto no momento no que o presidente dos EUA, Donald Trump, tenta lograr a paz en Ucraína.
As defensas antiaéreas ucraínas puideron derrubar 747 drons e catro mísiles de cruceiro Iskander-K. Con todo, rexistráronse impactos de nove mísiles e 56 drons suicidas en 37 localizacións, ademais da caída de fragmentos de obxectos derrubados en oito lugares.
Un dos principais obxectivos do ataque ruso nocturno foi Kíiv, aínda que Rusia tamén bombardeou Odesa (sur), Kremenchuk (centro), Krivoi Rog (leste) ou Dnipropetrovsk (leste), segundo indica na súa conta de Facebook a primeira ministra ucraína, Yulia Sviridenko.
Vítimas mortais
Na capital, morreron polo menos dúas persoas e outras 18 quedaron feridas, segundo informa o Servizo Estatal de Emerxencias (DSNS) na súa canle de Telegram.
Segundo Sviridenko, por primeira vez como consecuencia dun ataque ruso quedou danada a sede do Goberno, en particular o teito e os pisos superiores. En fotografías difundidas polo DSNS pódese ver un incendio nos dous últimos andares.
O alcalde de Kíiv, Vitali Klitchkó, tamén deu conta de graves danos en varios edificios residenciais, en locais e almacéns. Ademais, tres persoas quedaron feridas en Odesa e outras catro en Krivoi Rog e Dnipropetrovsk.
"O inimigo cada día aterroriza e mata a nosa xente en todo o país. O mundo debe reaccionar ante esta destrución non só con palabras, senón con accións. É necesario aumentar a presión das sancións, sobre todo contra o petróleo e o gas rusos. Precísanse novas restricións que golpeen a máquina militar do Kremlin (...). E o máis importante: Ucraína necesita armas. Aquilo que deteña o terror e non permita a Rusia tentar asasinar ucraínos cada día", salientou Sviridenko na súa mensaxe en redes.