Tres novos tremores en 24 horas aumentan o pánico no devastado Afganistán
O sismo do día 31 de agosto, no que morreron máis de 2.200 persoas, deixa 280 menores orfos

Unha serie de novos tremores sacudiu nas últimas 24 horas a provincia de Kunar, no leste de Afganistán, sementando o pánico e forzando a novas evacuacións nunha rexión xa devastada polo sismo do 31 de agosto.
O tremor máis recente, de magnitude 5,2, rexistrouse ás 21:55 horas, precedido doutro de 4,5, segundo o Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos. Esta persistente actividade sísmica, que inclúe outro forte tremor de magnitude 5,6 na noite do xoves, está a agravar o trauma da poboación.
Só para o sismo do xoves, estímase que unhas 85.000 persoas estiveron expostas a sacudidas fortes. Os residentes das zonas montañosas, temendo o colapso das vivendas que quedaron en pé, comezaron a abandonar as súas aldeas.
Balance de vítimas
Segundo as últimas cifras do réxime talibán, o terremoto de magnitude 6,0 do 31 de agosto deixou 2.205 falecidos, 3.604 feridos e unhas 6.700 casas destruídas nas provincias de Kunar, Nangarhar e Laghman.
Hai máis de 260.000 menores afectados e 280 quedaron sen proxenitores, segundo alerta a ONG Save the Children, citando datos da ONU.
Os novos tremores complican a resposta humanitaria nunha xeografía de seu desafiante. As axencias de axuda xa se enfrontaban a estradas cortadas por desprendementos e a unha infraestrutura danada.
Esta cadea de desastres naturais impacta sobre un país que xa encaraba unha das peores crises humanitarias do mundo, con 23 millóns de persoas, case a metade da poboación, necesitadas de axuda.